29.9.10

dime que me queres... pero logo vaite



Roteiro de Creación
O Roteiro de Creación ofrécenos a oportunidade de achegarnos ao mundo íntimo e cotiá do artista, coñecer o proceso de creación, o seu entorno ou as súas fontes de inspiración,participando dunha verdadeira experiencia creativa. Exposicións, instalacións, performances, accións de rúa, cursos, música, actividades creativas para nenos, debates, conferencias ou presentacións son algunhas das actividades que complementan o circuíto anual de visitas aos obradoiros de creadores e espazos de creación en Santiago de Compostela.

O itinerario que propón o Roteiro de Creación constitúe outra alternativa de turismo cultural que implica á cidadanía e aos turistas no coñecemento activo dos espazos privados e públicos de creación. Ademais, crea un novo ámbito turístico a través dun mapa que propón outra paisaxe posible mediante unha multiplicidade de propostas para fomentar a comprensión e participación na produción cultural do noso entorno. Experiencias estéticas e de acción que constitúen unha oferta de formación e creación de novos hábitos de consumo e turismo cultural e creativo enfocados a todos os públicos.

O Roteiro de Creación é un evento único en Galicia que, pola súa importancia para xerar valor social, cultural e económico, pretende involucrar a toda a cidade. Conta coa complicidade e participación de diferentes sectores sociais, culturais e comercias, que cada ano máis, se suman a este proxecto.


Le Reste Du Cabaret
Le Reste Du Cabaret inclúese dentro do Roteiro de Creación 2010, baixo a dirección de Neves Seara.


Cabaré: Lugar de esparcimento ónde se bebe e se baila e no que se ofrecen espectáculos de variedades, habitualmente de noite (R.A.E.).

Os cabarés europeos do periodo de entreguerras recollidos por Bob Fosse no seu archicoñecido filme amosaban travestismo, parodia e crítica nunha época de feroz censura; eran un continuo entroido no que todo se permitía. Tiñan alí cabida personaxes turbadores, estrafalarios, fermosos, alleos, fantásticos e inquedantemente próximos que aparecían ante un público que bebía con fruición o espectáculo da evasión. Un Entroido en cápsulas.

Como o Entroido, o cabaré é un espellismo, unha fuga temporal da nosa liturxia cotiá, unha vía de escape na que como espectadores admiramos a liberdade e desinhibición duns artistas que collen un pedazo de nós mesmos para amosárnolo revisado.

Din que son momentos difíciles estes que estamos a pasar. Sen embargo apenas hai voces eficaces de denuncia da situación, espectáculos inconformistas, xenreira nas rúas. Non hai cabaré. Só resignación, plegarse, avenirse. Qué ven despois dunha función de cabaré? A Coresma. O eco da risa cínica, a pegada duns zapatos de salón, cheiro a tabaco rancio. E tamén a volta á nosa vida diaria, á espreita do próximo espectáculo.

Mentres esperan a seguinte función practiquen o exorcismo do cotiá, espanten as pantasmas interiores, as vergonzas, sexan reais e imaxinados, deixen de ser vostedes por unha noite e sexan máis vostedes que nunca. Experimenten, ensaien, vibren, vivan a farsa da realidade. Practiquen cabaré.

Neves Seara


"Dime que me queres...pero logo vaite"
Javi Alvedro y Magín Pérez López presentarán o póximo Xoves 7 de Outubro dentro de este ciclo un traballo audiovisual conxunto titulado "Dime que me queres... pero logo vaite" na sala Sargadelos de Santiago


Título : "Dime que me queres...pero logo vaite"
Autores: Javi Alvedro & Magín Pérez López [Colectivo A Casa Da Leiteira]
Técnica : instalación audio-visual
Espazo: Sargadelos de Santiago
Data: a partir do Xoves 7/10/2010

Horario: L-V 10:30 a 14:00 e 16:30 a 21:00 h // S 10:30 a 13:30 e 17:00 a 21:00 h




"Os restos do cabaret non son máis que os restos da persona en sí, acompañándose da soidade do seu día a día.
A fraxilidade da muller que asume a crudeza da súa vida, unha depredadora que saborea a dureza do mundo que a rodea"




...

Entornos distintos para pezas distintas;
a satisfacción de ver terminado un proxecto (supoño que en realidade o de "teminado" é unha maneira de nomear ós proxectos cando están presentables) pero sobre todo a felicidade de compartir un pequeno sono cun bo amigo.