23.3.10

www.galizaelectronica.com entrevista frances lerouge








Entrevista a Frances Lerouge en www.galizaelectronica.com


Puedes leer la entrevista directamente aquí o en la sección de entrevistas

...

Entrevista a Frances Lerouge www.galizaelectronica.com
Escrito por Martin NoMore
Luns, 22 Marzo 2010

[gz] Frances Lerouge, a pesar deste pseudónimo, Galego ata a medula. Inquieto e creativo, cóntanos de primeira man as súas motivacións para facer música sen etiquetas, sen prexuízos, e por se fora pouco, libre e gratuíta, para que nos, devoradores de sons, a gocemos. Como esperamos tamén que gocedes vós desta entrevista.

A primeira pregunta é inevitable. ¿De onde sae a idea de chamarte Frances Lerouge? O teu nome de pila non é moi común que digamos..(risas)

[fl] :) pois a verdade é que o meu nome real, que é Magín, moi común non é, e supoño que resultaría orixinal utilizalo como nome artístico, pero preferín usar un alias.

A historia é que antes de comezar coa música electrónica tocaba a guitarra nun grupo; co novo proxecto quería separar unha cousa da outra, sobre todo que a xente non asociase Frances Lerouge ó que xa coñecía de Magín como guitarrista, para intentar que se escoitase a música cos menos prexuicios posibles.

Pensei entón nun pseudónimo, e gustábame a idea dun nome composto. "Frances" foi un nome que sempre me chamou a atención e para acompañalo comecei a buscar palabras en francés: adxetivos, cores, obxetos, etc ... O vermello sempre me pareceu un cor moi vital e ó ver escrito "Frances Lerouge" gustoume visualmente cómo quedaba, polo que finalmente me decidín por este alias [o problema ven á hora de leelo en voz alta ou ecoitalo, porque pronunciación francesa de cada un, eu o primeiro, é todo un show ...]

Teño tamén utlizado algún outro alias, como "elviajedelbeagle", co que teño feito outro tipo de música, que aínda que tamén electrónica, un pouco distinta. Para outro tipo de traballos non orientados ó club, como os proxectos de Reset, Fotolámparas ou 0Rh-, entendidos más como ambientacións ou experimentacións, sí utilizo o meu nome de pila.

[gz] Polo que teño entendido, a túa relación coa música comezou de guitarrista nunha banda de rock. Influenciado por xente como Jimmy Hendrix, Nirvana ou Led Zeppelin. ¿Cando se desperta o interese pola electrónica en ti?

[fl] Coa música levo toda a vida a voltas, aínda que o paso á electrónica é máis recente. Cando desfixemos a última banda na que estiven (the Privilege, que a pesar do nome non tiña nada que ver coa discoteca ...) votei un 1 ano sen demasiada actividade musical, tocaba cambio de chip e adiqueime a outros asuntos; pasado ese tempo pronto comezaron as ganas de facer cousas, e supoño que xa había demasiadas ideas e ansias acumuladas que pedían sair fóra. Un día un amigo, o Mero, deixoume uns platos de correa, a súa mesa e uns cantos vinilos e comecei a probar co asunto.

Como supoño que lle pasou a moita xente, pouco a pouco vas tirando do fío, descubrindo novos gustos e sensacións, e cando te das conta no disco duro tes cada vez máis sets de Sven Vath ou Richie Hawtin, e un día veste disfrutando dos ruidos e o surrealismo do directo de Nathan Fake como quen ve un riff de guitarra de Hendrix.

Houbo moita xente (e algún aínda queda por ahí jeje ...) que non entendeu cómo se podía pasar de Deep Purple a Alex Under por exemplo, pero eu penso que un debe disfrutar da música que lle apetezca no momento, sexa rock, hip hop, flamenco ou ata o regetón (a quen llo pida o corpo). Penso que ás veces temos demasiado prexuicios ó escoitar, o que impidirá disfrutar do bo que pode ter unha canción dentro do estilo que sexa.

[gz] Estás inmerso en numerosos proxectos e colectivos. Dende "A casa da leiteira", o netlabel "Rawmatroid", do que forman parte dende músicos, deseñadores gráficos e visuais... e ademais, se non me equivoco, traballas. ¿De onde sacas tempo para todo?

[fl] Pois a verdade é que ás veces, cando se lle vai a un das mans, resulta un pouco saturante andar a tantas historias :S, pero bueno sarna con gusto non pica, e, a pesar de que despois das 8 horas de xornada laboral ó día xa non lle queda moito que exprimir..., o tempo adicado a música apórtanme moitas satisfaccións, ou sexa que compensa (tamén che digo que por culpa da música máis dunha vez amontónase a roupa pendente para pranchar, ou toca comer 2 días seguidos lasaña conxelada do Eroski, por non falar das faltas de horas de soño... pero bueno, supoño que hai prioridades ¿non? :) ).

[gz] Falando de netlabel "Rawmatroid", acabades de sacar un traballo, do que fixémonos eco en GalizaElectrónica, para celebrar o segundo aniversario do selo. Ti aportas o tema "Tengo un plan perfecto para salvar el mundo". ¿Que nos podes dicir sobre "Rawmatroid"? Creo que ten sede compartida A Coruña / Zaragoza...

[fl] Sí, pódese dicir que o netlabel ten o corazón dividido nestas dúas cidades :). Levamos dous anos coa idea de selo de música electrónica de libre distribución, e a base de traballar e de que bos artistas aporten a súa música, pouco a pouco a cousa vai medrando e é moi reconfortante recibir boas críticas e o apoio de tanta xente, a verdade. Descubrir novos artistas e poder axudar a dar a coñecer a súa música é todo un privilexio que nin imaxinaba tempo atrás.

Xusto con motivo deste 2º aniversario publicamos "Rawmatroid puzzle for art's sake" (ven a ser un "Puzzle Rawmatroid por amor ó arte"), que reflexa a nivel de título, e por suposto a nivel musical, o espíritu co que se fundou o selo.

O traballo en cuestión é un VVAA con 18 tracks de diferentes artistas (a gran maioría galegos) e diferentes estilos. Vai dende a electrónica pausada de Dan Hiroshi ou Kino Internacional, pasando por temas tirando ó deep house de Subsótano ou Miguel Arrieta, de rollo progg como o de Lefrenk ou James McConaghew ou incluso techno ou trance nos últimos tracks de A.G.M.!&Qüintrix, TechAmplifier ou Armed. Unha boa mestura para distintos gustos, pero sobre todo feito con convicción e moita ilusión.

O próximo día 12 de Xuño faremos un Showcase en A Coruña coa participación de 6 destes artistas, e 3 máis que se ocuparán da parte visual. Serán 3 lives e 2 dj sets, acompañados de audiovisuais en directo durante todo o evento. Creo que o vamos a pasar moi ben entre todos e haberá diversidade e seguro moi bo ambiente. Pronto confirmaremos o cartel definitivo e daremos toda a info.

[gz] Publicades a vosa obra baixo licenza Creative Commons. Partindo da base que a música é cultura, paréceme unha idea excepcional, que este accesible á xente sen ter que pagar por ela; máis leva un traballo facer a obra, un traballo, que ó menos nun principio, nos se ve remunerado ¿Que opinas sobre isto?

[fl] Eu penso que o de vender ou non a música é unha decisión moi persoal. Dende logo é un traballo, con más horas dedicadas ou menos; cómo se espera ver recompesado este traballo xa e cuestión de por que faga un as cousas.

No meu caso, que agora mesmo creo que nin Kompakt nin Cocoon están por ficharme ..., unha vez expresada unha idea/sensación nun tema, e tomada a decisión de compartila, o que interesa é que a miña música chegue á xente, e penso que un netlabel serio igual me ofrece maior difusión que un selo comercial pequeno por exemplo. Tamén é certo que non é exactamente o mesmo público ó que se chega dunha maneira ou da outra, e bueno, seguramente hai moitos máis factores que influen na decisión final, que de seguro que darían para un bo debate...

[gz] Un proxecto que chamoume terriblemente a atención foi o de "0Rh-" , no que, xunto con Parasit (audiovisuais) e a través da música electrónica e vídeo en directo, tratades a temática da doazón de sangue. ¿De onde xurdiu tal idea?

[fl] Un das cousas que me gustaría conseguir é cambiar un pouco a percepción marxinal que ten algunha xente da música electrónica, que se ben é certo que a noite é a noite, a electrónica non deixa de ser un formato musical máis, que non ten por que estar cerrado a un ambiente en particular nin moito menos. Esta excusa de intentar que a algún dos "non habituais" lle picase a curiosidade e tamén por facer algo un pouco distinto ó de sempre, foron os primeiros pasos do proxecto.

Dende fai un tempo fíxenme doante de sangue (aproveito e animo a xente a que doe, porque é incrible co pouco esforzo/molestia que lle pode costar a un eses 6 ou 7 min, o útil que resulta para operacións, transfusións, etc ... de moitísimas persoas); a idea sobre facer algo distinto e a promoción da doación cuaxaron á perfección e só había que poñerse a traballar.

Para iso tiven a sorte de contar coa colaboración duns cantos que para mín fixeron tremendo labor cada un no seu (artistas dos que me declaro ademáis admirador) que foron Parasit no video, Paréntesis Psicótico na fotografía e stop motion, e Paula coa súa voz. Un aunténtico luxo xuntar a estes 3 e compartir con eles os momentos da producción e a noite da presentación no Fanzine (A Coruña), do que gardarei por moito tempo moi bo recordo.

Quedamos moi satisfeitos con esta primeira parte do proxecto, e de feito a idea sigue adiante, e supoño que haberá novedades próximamente.

[gz] A nivel persoal, ¿cales son as túas expectativas cara este ano 2010? En que estás mais centrado na actualidade, ¿na produción ou no directo?

[fl] Pois os plans para este ano son basicamente poder seguir desfrutando da música tanto facendo sets en directo como producindo na casa; se podo ir compaxinando ambas cousas sería perfecto, porque as a verdade é que son dúas maneiras diferentes pero igualmente interesantes de expresarse; o directo é como máis intenso, e a producción algo quizais máis íntimo.

[gz] Imos dar unha pequena exclusiva ós nosos lectores . En non moito tempo comezaremos a realizar podcast exclusivos para GalizaElectrónica de Dj´s Galegos. Frances Lerogue será un dos primeiros. ¿Pódenos avanzar, aínda que sexa moi por enriba, en que consistirá o set? Vaia por diante que tes liberdade absoluta para facer o que che de a gana. Podes tirar polo son que prefiras, facelo máis o menos longo... liberdade absoluta.

[fl] Mmm pois seguramente teña que ver con moito do falado nesta entrevista ...; a verdade é que fai bastante tempo que non gravo un set ou sexa que aproveitaremos para dar cabida a unhas cantas cousas almacenadas ...

[gz] Pola nosa parte queremos darte as grazas polo tempo invertido en contestar a esta entrevista, sabemos que o tempo é ouro. Se queres comentar algo que quedara no tinteiro ou calquera cousa, este é o memento...

[fl] Pois pouco máis, que é un pracer coñecer a cantidade de bos artistas que temos en Galicia e que ben estades a recoller na vosa web. Penso que estamos vivindo un momento de explosión e que se remamos na mesma dirección Galicia dará moito que falar dentro da escena electrónica.

[gz] Moitas grazas por todo

[fl] Moitísimas gracias a vós polo interese e atención, e animaros a que sigades adiante co voso traballo na web.

Un saúdo a todos!